O Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) é un órgano autónomo adscrito ao Ministerio de Traballo, con personalidade xurídica, que se encarga do pagamento dos salarios pendentes, incluídos os de tramitación (nos casos que legalmente se establezan), cando o empresario se acha en insolvencia ou concurso.
Está financiado polos empresarios, tanto públicos coma privados.
Tamén se encarga de abonar indemnizacións por:
- Extinción do contrato por vontade da persoa cando se producen certos incumprimentos polo empresario (art. 50 do Estatuto dos Traballadores)
- Despedimentos colectivos
- Despedimento por causas obxectivas
- Mobilidade xeográfica, cando a persoa decide non aceptala
- Extinción do contrato cando as modificacións substanciais do contrato de traballo se fixeran:
- Sen atender ás previsións contidas na lei
- Redundasen nun prexuízo á persoa traballadora, agás que a modificación afectase ao sistema de traballo e rendemento (art. 41.1 ET)
- Acordos en materia concursal
- Acordo de extinción no que mediase fraude, dolo, coacción ou abuso de dereito
- Falta de acordo
- Despedimentos dos empregados do servizo do fogar, cando:
- Diminúan os ingresos do fogar familiar ou ben, os gastos aumenten
- As necesidades da familia sexan incompatíbeis con que a persoa siga prestando servizos
- Existan comportamentos da persoa traballadora que produzan unha perda da confianza
- Indemnizacións por extinción do contrato temporal ou de duración determinada
Porén, hai que ter en conta que as cantidades pendentes que deben ser abonadas polo FOGASA non son ilimitadas. Para calculalas, partirase do salario diario, sen que este poida exceder do duplo do SMI (que no ano 2023 é de 1.080€), incluíndo as pagas extras. Este salario diario multiplícase polo número de días que estean pendentes de cobranza, sen que poidan exceder dos 120 días.
No caso das indemnizacións, polo xeral, o límite é dun ano, agás no caso das modificacións substanciais, que será de 9 meses; e, para as persoas empregadas en servizos do fogar, 6 meses.
Alén diso, cando a extinción se basease en incumprimentos do empresario do art. 50 ET (modificacións substanciais de condicións de traballo sen respectar o procedemento correspondente e provoquen un mensocabo da dignidade da persoa; a falta de pagamento ou retrasos continuados no abono do salario; e outros incumprimentos graves e negativa de reincorporar ao traballador ás condicións anteriores no caso dunha mobilización xeográfica ou unha modificación das súas condicións cando unha sentenza os declarase inxustificados), calcularase sobre a base de 30 días por ano de servizo; cando falemos dun despedimento obxectivo, colectivo ou unha modificación substancial, será de 20 días; e para as persoas empregadas no servizo do fogar, 12 días.
É moi importante traer á tona que o FOGASA só abona as cantidades recoñecidas en auto, sentenza xudicial ou conciliación xudicial, nunca aquelas recoñecidas perante o Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC). Por iso, é importante coñecer previamente á conciliación previa se a empresa é solvente ou non, pois no caso de recoñecer cantidades debidas, se despois resultara que é insolvente, o FOGASA non se fará cargo de abonalas.
Unha vez recoñecidas as cantidades na maneira antes exposta, o FOGASA subrógase na posición das persoas traballadoras afectadas, adquirindo os seus dereitos e obrigas como créditos privilexiados.
Que é un crédito privilexiado? Cando unha empresa está concursada, os créditos que teñen os acredores contra ela seguen unha orde de prelación. As cantidades prioritarias de abono aos acredores son os créditos contra a masa; unha vez satisfeitos, os seguintes créditos a abonar son os créditos privilexiados.
Dado que as cantidades que abona o FOGASA son bastante inferiores das que lles corresponden ás persoas traballadoras polas causas anteriormente mencionadas, estas seguen tendo un dereito a reclamar á empresa as cantidades restantes non satisfeitas polo FOGASA; mais, cando a empresa está concursada ou é insolvente, é moi difícil que as persoas traballadoras recuperen todo o que se lles debe.
Cando concorran o FOGASA e os créditos polas cantidades non asumidas por este, ambos serán abonados a prorrata dos respectivos importes.
Cando está unha empresa en insolvencia? No momento no que se obtén unha sentenza condenatoria ao pagamento de cantidades, se o empresario non as abona dentro do prazo legal establecido, débese instar un procedemento de execución de sentenza para obrigalo coercitivamente ao abono. Cando tampouco se consegue reclamarlle ao empresario por esta vía, hai que solicitar mediante escrito unha declaración de insolvencia, previa audiencia do FOGASA.
O prazo para poder reclamar as cantidades é dun ano desde a data de conciliación xudicial, sentenza, auto ou resolución da autoridade laboral.
Debe ser parte obrigatoriamente, mais é raro que acoda algunha vez a xuízo.
Tamén se encarga de pagar os salarios impagados das persoas traballadoras que exerceran habitualmente o seu traballo en España cando a empresa tiver actividade en ao menos dous territorios da Unión Europea, sempre que se cumpran unha serie de circunstancias (art. 33.9 ET).
O FOGASA tamén debe pagar os xuros de demora previstos no art. 29.3 ET sempre que se soliciten na demanda e a cantidade reclamada sexa líquida, concreta e de natureza salarial (STS 11/05/2023, rec. 503/20).