A Xunta da Galiza enfronta outra sentenza xudicial en contra no ámbito medioambiental

Hai pouco coñeciamos a noticia de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza anulara a autorización administrativa previa que permitía construír un parque eólico por Greenalia en Campelo (entre os territorios de Coristanco e Santa Comba).

As razóns desta decisión descansan na actuación da Xunta, que por unha banda autorizou a construción dun parque eólico, o de Campelo, cando xa existían os de Bustelo e Monte Toural, cunha proximidade entre eles non só en canto á superficie, senón nas empresas promotoras dos parques, facendo que constasen como proxectos individuais e non como un todo; e, por outra banda, na redución dos prazos canto ao trámite de audiencia ao público.

A historia do caso comeza coa convocatoria dos anteproxectos, na que se fai a súa presentación. Kaekias Eólica S.A. presentou o seu e foi aprobado por parte da Xunta, cuxo trámite de audiencia que debe preceder á declaración de utilidade pública foi de 15 días.

Porén, tras recabar diversos informes sectoriais, produciuse unha mudanza na titularidade da xestión. Greenalia fíxose co proxecto, solicitando a declaración de interese especial do parque eólico e foi concedido pola Xunta sen que mediara impugnación ningunha. Outra vez, despois destas enormes mudanzas, o trámite de audiencia para que o conxunto da populación teña información suficiente do impacto que pode ter a elaboración destes proxectos, foi de 15 días.

Entre as modificacións operadas estaba un novo estudo sobre o impacto ambiental e un estudo dos efectos sinérxicos (”Efecto ambiental que se produce cando a presenza simultánea de varios axentes supón unha incidencia ambiental maior que o efecto suma das incidencias individuais contempladas illadamente”, concepto técnico recollido no Anexo VI, parte B, letra d) da Lei 21/2013) cos parques que xa estaban operativos nas zonas de Bustelo e Monte Toural e que pertencen a grupos empresariais vinculados entre si.

Co Acordo da Xunta en autorizar a Greenalia este proxecto, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza presenta o recurso contra o mesmo, resultando na súa estimación.

É curioso que, tanto a defensa da Xunta como a de Greenalia partiran dunha base común: a negación de que se dividiran os parques co propósito de evitar unha avaliación ambiental ordinaria; isto é, o procedemento que outorga maior protección ambiental, fronte a outro que sexa máis permisivo en canto á construción do parque.

Isto é o que se denomina como “fraccionamento de proxectos” (Anexo VI, parte B, letra n) da L 21/2013): un mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria. Non concorrían os requisitos esixidos para seren considerados separados entre si, pois é necesario que teñan unha instalación independente (sen que os materiais e instalacións partillen as mesmas liñas, accesos, edificios de xestión e subestación transformadora etc), porque son elementos inescindíbeis e propios de cada proxecto, o que non acontece cando se dan estas unións. Ademais, as partes demandadas recoñeceron que os parques partillaban as infraestruturas, contradicíndose trapalleiramente na súa argumentación.

Outro dos motivos que levou ao Tribunal Superior a anular a autorización foi a redución dos prazos do trámite de audiencia pública, en contra da normativa comunitaria, así como tamén en contra do disposto na galega.

A Diretiva 2011/92/UE, transposta a Dereito español, esixía que “o prazo fixado para a consulta do público interesado sobre o informe do impacto ambiental ao que se refire o artigo 5, apartado 1, non será inferior a 30 días”. Mediante o Acordo do Consello da Xunta de 26 de abril de 2018, este proxecto declarouse como de “interese especial”, tramitándose de forma prioritaria e, por tanto, reducindo os prazos tanto na instrución do procedemento e construción, como no procedemento de avaliación ambiental e o do proxecto sectorial, así como os prazos para que a información saíse a audiencia pública.

Para que nos fagamos unha idea, cando se plantexa construír un parque eólico, o procedemento administrativo que vai dende a solicitude até a autorización (ou denegación) debe pasar por cinco fases (autorización previa, autorización de construción, documento ambiental, proxecto sectorial e declaración de utilidade pública); todas elas, co seu correspondente trámite de audiencia pública.

Aínda que se admiten excepcións, a consulta ao público non se pode reducir, pois deste xeito prívase á cidadanía de coñecer o impacto que pode ter sobre a comunidade a construción dun proxecto destas características, así como de facer as alegacións oportunas e ser parte dos procedementos na toma de decisións que teñan que ver co medio ambiente para evitar que vilas enteiras estexan poboadas por muíños, coa conseguinte intromisión na flora, fauna, e vida das persoas.

Ao primar o Dereito da Unión Europea sobre o Dereito dos Estados membros, esta redución dos prazos é considerada contraria ao Dereito da Unión, motivo que se adiciona aos anteriores para declarar o proxecto nulo.

Sobre a primacía do Dereito da Unión e vulneración da normativa comunitaria, xa se pronunciou o Tribunal de Xustiza da UE sobre un caso no que Austria, por exemplo, excluía un informe de impacto ambiental mentres non se superaran uns certos limiares de superficie. En resposta a iso, o Tribunal sentenciou que era contrario á Diretiva anteriormente mencionada, pois é necesario estudar caso por caso para determinar cal é o contexto no que se materializa un proxecto, sexa eólico, sexa urbanístico, cando afecte de maneira significativa ao medio ambiente.

É obvio que hai unha maior tendencia a privar á poboación da información necesaria para coñecer sobre un determinado procedemento, ou que esta participe e teña relevancia na decisión que finalmente se adopte. Embora siga existindo o control xudicial (e menos mal!) ao goberno para evitar catástrofes medioambientais, como a recente suspensión, tamén por parte do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, da mina de feldespato de Muras pola súa proximidade a espazos protexidos, non podemos deixar de loitar polos dereitos que, como membros da comunidade, nos pertencen. Non deixarnos asoballar e ser conscientes do que nos rodea para poder articular unha estratexia de defensa e de ataque debe primar por riba de todo.

Toda a bibliografía e material usado (incluíndo a sentenza do TSXG) está aquí:

https://www.poderjudicial.es/portal/site/cgpj/menuitem.65d2c4456b6ddb628e635fc1dc432ea0/?vgnextoid=2578be757c678810VgnVCM1000004648ac0aRCRD&vgnextchannel=05bc3da6cbe0a210VgnVCM100000cb34e20aRCRD&vgnextfmt=default&vgnextlocale=gl&lang_choosen=gl

https://noticias.juridicas.com/actualidad/noticias/18028-tiron-de-oreja-del-tjue:-los-estados-no-deben-acotar-la-evaluacion-medioambiental-solo-a-los-macroproyectos-/

https://www.nosdiario.gal/articulo/social/tsxg-suspende-autorizacion-xunta-mina-muras/20230615155036171079.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *